Sobre o concepto de Historia, tríptico I Chus Pato
Sobre o concepto de Historia, tríptico
para Antonio Méndez Rubio
I
O anxo non pode pregar as ás, non pode deter o furacán
un furacán Progreso
as irmás disparan.
un hábitat enteiro acorda na enorme fosa comunal
propón un xardín para a evolución
pasa un corvo
as teses ollan de esguello
non deixan de mondar as patacas
saben que un corvo é un animal que non regresa
ti e mais eu soñamos nas ondas
agora é un
que non camiña cara ao futuro
detén a marcha dos reloxos.
animais, vexetais e pedras
levan as marcas do traballo escravo
dos violacións dos raptos
dunha defunción precoz
fulguran
son casa
nun intre de perigo
como flores que rotando sobre si buscan o sol, así o acontecido,
guiado por un heliocentrismo secreto, camiña cara ao astro
que amence no éter da historia (Tese IV)
somos agardad*s
neva
sobre as eguas brancas
sobre as dezaoito escopetas das rapazas de abril
sobre o maletín de W. B
neva.
entran nun bosque de camelias
II
as rapazas indicibles ocúpanse das cousas da alma
as irmás que traballan na confección saben que a moda é un salto de tigre cara ao pasado
as eguas son bravas
son dezaoito coma os hábitats as teses as irmás que suspenden o tempo.
entran
III
olla para ti
agochada no muro
por diante a protección dun tráiler
escoitas as voces
un disparo
os pasos abandonan a rúa
levas os panfletos do 1º de maio
baleiras a bolsa na Barbaña
na casa a meniña dorme
soa
ti es ese intre de perigo
ou
os cans ladran na noite
/
Non hai páxina en branco
existe unha imaxe que ondula o tempo
ánimas, quedade canda min
soportades a ledicia das iconas
e a tebra do aparecer
//
Volteas as maos
como se xirases a bóla do mundo
unha ave sostén o planeta
///
Cae
mercurio
tungsteno
cadmio
arsénico…
pesados
non polos efectos na miña saúde
senón pola densidade dos seus nomes
A isto chameille cruzar as sombras
Falamos das portas
todas abren con chaves pequenas
custodian un vaso con sangue e unha espiga
gardan un núcleo
pesa o peso do nada
o nada anterior ao límite da imaxe
estendo os brazos, pousan os corvos
escoito “como correu o arqueiro!
si, estamos contra a fin do inverno”
así calibramos o tempo
unha percepción sensorial
un metro
que liga a existencia coa extensión dos astros
entendemos:
o arco temporal no mundo das flores é coma en nós
un xuízo sintético a priori.
algo se desprende da grande osa, das pedras
sen máis
Ariadna
os seus fíos
os seus labirintos
e mudamos en constelación
alento que envolve o tempo
un animal indócil
Chus Pato (Ourense, 1955) é autora de doce poemarios, publicados entre 1991 e 2023, polos que recibiu varios galardóns como o Losada Diéguez, o Premio da Irmandade do libro, o Premio da crítica de poesía galega, o Clara Campoamor ou o Premio da Crítica de Galicia na modalidade de Creación literaria. Destacamos a pentaloxía Decrúa, antes método que inclúe m-Talá, Charenton, Hordas de escritura, Secesión e Carne de Leviatan e tamén o seu último libro Sonora que se alzou co Premio Nacional de Poesía 2024. Sete dos seus libros foron traducidos ao inglés por Erin Moure e publicados en Gran Bretaña, USA e Canadá; outros foron publicados en países como Arxentina, Portugal, Holanda, Bulgaria e Francia. Seleccións dos seus poemas foron traducidos ao catalán, éuscaro, castelán, polaco, árabe clásico, francés, romanés , ruso, alemán, e esloveno. A súa obra foi recollida en decenas de antoloxías nacionais e internacionais. Participou en múltiples festivais tanto no continente americano como en Europa, África e Asia. No 2015, a súa voz foi incorporada ás gravacións da Wood berry Poetry Room de Havard. O 23 de setembro do 2017 ingresou como membro de número na Real Academia Galega. No 2022 leu na cidade de Ptuj a súa Carta aberta a Europa. A editorial Ultramarinos publicou catro volumes de Poesía reunida de Chus Pato un proxecto que presenta a súa obra traducida ao español por Gonzalo Hermo. Viven preto da fraga de Catasós, onde se conservan os castiñeiros máis altos de Europa.












