A sombra I Almudena Otero Villena
Era unha cidade meridional á beira do mar, calorosa e húmida. Unha cidade sucia de edificios descascados, que un día foran palacios de requintadas fachadas e daquela eran xa unha ruína, a mostra dun vello esplendor que xa non se albiscaba por ningures. Alí vivía un home maduro, alto e groso, coa súa filla, unha cativa duns nove anos, áxil e espelida, que gostaba de correr e de apañar caramuxos na praia. O home quería a súa filla con dozura, enchíase dunha felicidade suave e fonda cando, mentres camiñaban, sentía a man da nena entre os seus dedos, cando os dous sentaban nun banco da praza a dar de comer as pombas, cando á noite, antes de se deitaren, lían un libro xuntos.
Tempo atrás o home tivera unha dona, de figura esvelta e cun pelo rizo e abondoso que lle caía sobre os ombreiros. Podía verse os dous camiñando da man polo parque, coa nena correndo diante deles, sempre sorrindo. Ela lanzal e leda como unha bolboreta, co sol aloumiñándolle a pel espida, el amábel e pausado. Andaban amodo polo paseo central, entre a sombra das palmeiras e o arrecendo dos xasmíns e as laranxeiras; de cando en vez saudaban aquí e acolá, ou quedaban un anaco falando con alguén, para continuar logo a súa marcha, paseniño, agarimándose un ao outro. Mais un día, de súpeto, a muller desapareceu. Algúns dixeron que se separaran, ou que ela fuxira; outros, máis malévolos, que el a matara e soterrara o seu corpo nun lugar acochado, no interior do país, para que ninguén o atopase. Sexa como for, ninguén volveu ver nunca máis a muller. Cando a xente lle preguntaba por ela, el quedaba en silencio, fitando para o lonxe, cunha expresión de tristura infinda. Até que, finalmente, un día deixaron de preguntar. Co tempo, o home foi facéndose cada vez máis solitario e taciturno. Non procuraba xa máis compaña cá da súa filla.
O home fora unha vez profesor de literatura nun colexio de monxas, un dos mellores da cidade, onde ían as fillas dos médicos e avogados, todas de uniforme, rapazas formais e recatadas que non erguían nunca a voz. Gostaba do seu traballo, preparaba ben as súas aulas. Mais aquela ocupación rematara había anos. Agora saía adiante facendo pequenos traballos, sen abandonar nunca a precariedade. Un día, atafegado polos problemas económicos, tivo unha idea. O parque, cando comezaban a caer as sombras e desaparecían os paseantes, enchíase de homes silandeiros que ollaban de esguello, figuras escuras que se movían entre as tebras na procura dunha presa. Homes que preferían o arrecendo suave e doce dunha rosa que aínda non se abriu, a promesa dunha flor que aínda non revelou o seu segredo. A esa hora entre o lusco e fusco, pai e filla irían tamén ao parque. L. achegaríase a eses recunchos que facían as veces de acubillo, chamaría a atención dalgún deses individuos incapaces de controlar o seu desexo, para atraelo, con movementos áxiles, até o lugar no que o seu pai agardaría por ambos os dous. El, collendo o home por sorpresa, desvalixaríao. Este, descuberto na súa cobiza, non se atrevería a ir á policía: o delito que o fixera caer na trampa era máis vergoñento e grave que aquel que quería denunciar.
Así o fixeron; era, ao fin e ao cabo, só un xogo, ao que a nena accedeu divertida, arelante tamén de agradar ao seu pai, sabendo que, estando con el, ninguén podería mancala. E o asunto funcionou ben durante uns meses. Até que un día a cativa chegou correndo onda o pai, tremendo, cun aceno de pánico na faciana. Lisca, axiña –dixo. O pai saíu correndo canda ela, sen preguntar. Cruzaron a praza, na que aínda se podían apreciar as pegadas do purim: os restos de confeti, un borracho vestido de clown. Mentres subían ás présas cara ao Telégrafo inglés chegoulles desde as ruelas estreitas o rebumbio dalgunha comparsa, as coplas desafinadas dos rapaces; a través dos cristais afumados dos cafés enxergaron pequenos grupos xogando ao baccarat, apurando as últimas horas da festa.
Dun pulo subiron pola encosta xa baleira, atafegados, sentindo que a sombra os seguía de preto. Chegaron por fin á casa, case que sen folgos; o pai abriu con rapidez o vello portal de madeira, abichado pola couza, e ambos os dous buliron escaleiras arriba, aspirando o seu cheiro a balor e humidade, os últimos inquilinos daquel vetusto e elegante edificio no que unha vez habitou xente distinguida e aristocrática e que agora ameazaba ruína, cos seus fermosos adornos de escaiola cubertos pola lorda, coma tantos outros nas rúas veciñas. Cando atinxiron o último andar, entraron na vivenda e o home fechou a porta tras eles. Ficaron alí, contra a parede, escoitando. Por un momento non se ouviu nada, só a respiración acelerada del e mais da nena. Ao seu carón, L. murmurou cun fío de voz: “Mirei para a súa faciana e era unha sombra”.
De súpeto, alguén empezou a timbrar con insistencia. O home non se moveu do seu sitio, contendo a respiración. Volveron chamar. O home sentiu un arreguizo e deulle unha volta á chave no ferrollo. Entón escoitouse unha voz: “Non importa, sei onde vivides”. Durante uns intres fíxose o silencio. Moi amodo, aínda tremendo, o pai achegouse á mira e pousou o ollo. Cando a súa vista se atopou coa faciana que estaba ao outro lado, un arrepío percorreulle o corpo.
Foron pasando os días. O home saía con medo á rúa, ollando para un lado e para outro, non deixaba marchar á nena soa, non pisaban o parque. Ela non volveu correr áxil entre as árbores, o seu corpo encolleuse; agora camiñaba ríxida, coa cabeza gacha. A enerxía que antes fluía polo seu corpo semellaba ter esmorecido; era coma unha planta murcha, da que fuxira toda a vida, que só vexetaba. A faciana de sombra, con todo, parecía terse esvaecido. Dela non había rastro por ningures, coma se só tivese sido un mal soño. Mais con ela esfumáronse tamén as palabras cómplices, as confidencias alegres entre o pai e a filla.
Foron así pasando as semanas e os meses. A cativa seguía a ter pesadelos, o home continuaba acordando ás veces no medio da noite cun peso no peito. Mais a vixilancia foi aos poucos amainando, os seus corpos empezaron a gañar confianza ao camiñaren polas rúas sucias da cidade. Un día relucente de primavera, preto xa do solsticio, a nena non voltou á casa despois do colexio. O home agardou por ela sentado na sala. O reloxo deu as catro, as cinco, as seis. O corazón comezoulle a bater con forza. Tentou acougar: andaría coas súas amigas a correr na praza, ou a apañar cunchas de cores e caramuxos na praia, ou a camiñar nas rochas á beira do mar, preto do vello peirao, como sempre adoitou facer. Deron as oito, as nove. O home fitaba para a regaña que atravesaba de arriba a abaixo a parede do cuarto, e que semellaba medrar de día en día, ameazando con tragarse o edificio enteiro. A calor e a humidade afogábano, a suor esvaráballe polas mans e as tempas, sentía un peso no corpo que non o deixaba erguerse do sofá. Púxose en pé con esforzo, devagar, abriu a porta da casa e empezou a andar polas rúas aínda quentes, enfiando o camiño coñecido. Non moi lonxe, desde o cumio do outeiro que marcaba os límites da vella medina, escoitouse a chamada ao maghrib. Aínda había algo de luz, mais o parque estaba xa baleiro. Entrou por unha das portas laterais e, como guiado por unha forza que lle indicaba onde tiña que ir, atravesou o paseo principal e chegou até unha fonte. Xunto a esta, deitada delicadamente sobre a herba, entre as margaridas, co pelo longo caéndolle polos ombreiros, aloumiñándolle o peito, había unha nena. O home achegouse, e entre as tebras do lusco e fusco puido albiscar a faciana doce e tranquila da súa filla. Foise achegando amodo, axeonllouse ao seu carón. Temeroso, co corazón a piques de estoupar, rozoulle o brazo. Estaba frío. Observou a cor levemente azulada dos seus beizos. Pousou unha man sobre o seu peito. Non sentiu ningún movemento. Da gorxa saíulle un berro cheo de dor, un, e outro, e outro, que resoaron no parque baleiro, habitado só, a aquela hora da noite, polas súas sombras.
Almudena Otero Villena naceu e pasou a súa infancia no norte de África. Estudou Xornalismo e Filoloxía Alemá na Universidade de Santiago de Compostela, e doutorouse cunha tese sobre a relación entre tempo e identidade na novela artúrica (Zeitauffasung und Figurenidentität im Daniel von dem blühenden Tal und Gauriel von Muntabel, V&R unipress, 2007). En Estados Unidos investigou sobre mística femenina medieval, estudos dos que naceu o ensaio ‘ayn. O ollo e a fonte, Axóuxere, 2017 (edición en castelán: ‘ayn. El ojo y la fuente, Mandala, 2023). Ten, ademais, un poemario publicado: Diario dos mapas. Un ensaio de xeografía norteafricana (Urutau, 2020). Traduciu, entre outros autores, a Rosa Luxemburg, Mechthild von Magdeburg, Carl Schmitt, Martin Heidegger e Ludwig Tieck.











