Entrevista I David Rodríguez: “Hoje até o silêncio parece ter de justificar a sua utilidade”
Desde uma posição ante a vida em que destaca a independência com que olha ao seu redor e emite os seus pareceres com uma imbricação profunda entre o conhecimento teórico e a experiência prática, David Rodríguez repara atentamente nos movimentos de fundo e de superfície destes tempos caóticos.
Na sua maneira de comunicar há uma contundência não isenta de retranca e ironia e uma vontade de atravessar diversos saberes com a olhada posta na superação deste modelo histórico que, (não só) ao seu ver, impede o surgimento de novas possibilidades de experiência humana mais igualitária e soberana.
Longe de qualquer pragmatismo oportunista, com uma reflexão constante arredor do que está a passar à nossa beira, a sua obra escrita flui entre a poesia, o ensaio e a necessidade de condensar em pequenas peças de reflexão incisiva um olhar próprio e consciente, com o que acompanhar o mundo e intentar pensar livremente e procurar um novo presente desde já.
Quem é David Rodríguez?
Unha persoa procedente dunha familia de clase traballadora que naceu en Vigo en 1975. Alguén ao que a realidade sempre lle resultou un chisco fea e inxusta e que loitou contra a alienación a través da creación en diversos ámbitos e, sobre todo, a través da mera procura intelectual. Camiños que case sempre percorreu de xeito autodidacta, con todo o bo e todo o malo que isto ten.
Que papel ten a poesia nesses caminhos?
A poesía ocupou un lugar importante nas miñas lecturas de primeira madurez. Hoxe non leo tanta como adoitaba, pero de cando en vez aínda regreso a ela. No ano 2010 publiquei un poemario na editorial Xerais chamado Lapidarias. Os versos escuros. Foi unha experiencia catárquica moi propia do tempo e o lugar no que me atopaba daquela. Un pouco ampulosa e tremendista, se cadra, malia que procuraba disciplinar a miña expresividade a través da economía verbal; pero serviume para sacar fóra algo que me proía dentro. Desde entón, non volvín publicar nada máis de poesía, aínda que a ollada poética sobre a realidade sempre segue comigo dalgún xeito.
Como acompanha essa olhada poética este mundo em que estamos?
Creo que acompaña en forma de negativo fotográfico. Máis que para ollar o poético no mundo, faino para sinalar a ausencia de poesía nunha realidade na que a ética do valor de cambio colonizou todos os aspectos da vida.
Este é um dos temas mais habituais nas tuas análises. Como vês a sociedade do momento?
Unha das grandes cuestións do presente, ao meu ver, é se aínda existe algo así como a sociedade. Cando menos tal e como foi entendida historicamente. Karl Polanyi vía unha sorte de pugna entre sociedade e capitalismo, con momentos nos que a primeira se defendía das tendencias totalitarias do segundo. Non está claro que hoxe iso suceda. Cando menos dun xeito minimamente consciente e politicamente articulado. Todo o máis, hoxe hai fricción a nivel xeopolítico debido aos propios límites do capitalismo nun planeta finito. A sensación é que a sociedade foi fagocitada polo capital e polas formas omnímodas de Estado, que son diferentes ás do Estado-nación soberano clásico, xa que, ademais de contar con poderes de control social moito máis sofisticados, están inseridos en grandes superestruturas internacionais que afastan a política das persoas ata facer inacadable calquera tipo de cambio revolucionario ou de toma do poder.
A cultura não é um ornamento da sociedade.
É o lugar onde uma sociedade revela
aquilo que realmente pensa.
Esses poderes de controle social muito mais sofisticados podem actuar, então, com mais habilidade… Não viria mal colocar luz onde mais se pode necessitar agora. Na tua opinião, como funcionam a dia de hoje?
Nun libro que xa ten un tempo, escrito por Sheldon Wolin, este explicaba como funcionaban as mentes dos neocóns que comezaron a ocupar os postos de goberno nos EUA a comezos dos 2000. Era un cambio no xeito de concibir o poder que partía da capacidade dese mesmo poder para ser produtor de realidade. De xeito que mentres as esquerdas aínda estaban estudando como funcionaban as cousas nun momento dado, o poder xa estaba producindo outro estado de cousas. A esquerda, viña dicir un alto funcionario glosado por Wolin, só quedaría para ir a rebufo, estudando a destempo o que os poderosos ían facendo, sen capacidade de erixirse en ningún momento nun suxeito histórico. Algo disto está a suceder agora, dun xeito evidente en aspectos como a intelixencia artificial, o poder das redes sociais, as fake news etc. Pero tamén dun xeito menos obvio no que ten que ver coa transformación molecular dos individuos en réplicas antropolóxicas do que o poder produce. Os gurús das Big Tech, ese grupiño elitista que acompaña o trumpismo, acreditan na súa absoluta excepcionalidade, son aprendices de bruxo e conciben o mundo como unha masa moldeable ao seu antollo. Eles están a acelerar un proceso que vén de atrás e que se pode condensar na idea “totalitarismo invertido”, da que falaba Wolin. E esta aceleración, é, penso, o que está detrás desa acumulación de malestares a todos os niveis -sociais, psicolóxicos, económicos que non atopan nunca xeito de expresarse politicamente cun cariz emancipador, máis alá de explosións performativas ocasionais que rematan autodiluíndose froito da súa propia impotencia.
Como achas que se pode reverter esse carácter reactivo que deixa as esquerdas sempre por detrás do que o(s) poder(es) produzem?
Oxalá o soubese. O único que podo dicir é que, se cadra, temos por diante dous ámbitos moi diferentes aos que enfrontármonos. Por unha banda, dado o momento de desorde mundial, cabe agardar que un mundo máis multipolar abra algunha fenda para que, polo menos, se poidan facer políticas reformistas de esquerdas desde instancias estatais, alá onde a esquerda consiga chegar a poder político institucional. Que ese mundo multipolar poida derivar nun estado de cousas máis propicio para a esquerda non está asegurado, pero, como mínimo, si deixa máis abertas as opcións para ampliar o campo do posible que o réxime neoliberal hexemonizado polos EUA. Pola outra banda, dado que hoxe as esquerdas, como movemento de masas, sentido común propio e autonomía política son (cando menos nas sociedades “occidentais”) unha cousiña moi pequena, apenas o resto do que quedou do movemento obreiro nacido no s. XIX e madurado no XX, o que semella que é ineludible é unha sorte de comezo desde case que cero na revitalización, ampliación e renovación dese movemento de base sen o cal é imposible imaxinar calquera tipo de cambio, xa non digamos revolucionario, mais simplemente transformador.
Novas vias para lugares nunca transitados antes… Achas pertinente, então, reinventar ou reviver velhas formas internas e procurar novos vínculos internacionais, para intentar reverter favoravelmente às maiorias sociais as derivas de hoje? É bom momento para procurar encontros com decolonialismos ou outras formas de compreensão do mundo?
Se por algo se caracterizou o movemento de emancipación nacional galego case que desde as súas orixes é por tratar de buscar intercambio, inspiración e alianzas con movementos doutras latitudes. Irlanda era o grande exemplo para os primeiros galeguistas. E coas outras nacións sen Estado da Península Ibérica tamén houbo sempre relación. Canto ao nacionalismo marxista reorganizado a partir dos anos sesenta, contou desde primeira hora cunha veta non eurocéntrica e antiimperialista que incorporou o diálogo con outros países do sur global coma un elemento central. Para o mundo que vén, ese camiño xa andado será unha vantaxe, pois, no que parece, os países non occidentais serán, cada vez máis, axentes políticos de primeira orde.
E a Lusofonia ou Galeguia? Justamente aí temos Portugal, Brasil, PALOP, etc. num mesmo espaço vinculado naturalmente à Galiza… Que potencialidades (ou problemas) lhe vês desde este ponto de vista?
Téñome por pouco sectario no que se refire á normativa do galego e son un lusófilo total. O que si penso é que a idea de conectar Galiza coa lusofonía non vai vir a través do voluntarismo, por moi loable que sexa, de pequenos grupos intelectuais moi vencellados, sobre todo, á cultura entendida dun xeito clásico (lingua, literatura etc.). En todo caso, ese ámbito actuará, ao meu ver, mais coma o colofón dun proceso de achegamento material que como vangarda. Confío máis nos vencellos que xa se están a dar a nivel socioeconómico entre Galiza e o norte de Portugal. Ideas como a da creación da grande área económica do atlántico peninsular é unha necesidade para a propia supervivencia de Galiza como entidade política (e se me apuras tamén de Portugal) se temos en conta que o plan das elites españolas pasa por potenciar un Gran Madrid que converta toda a súa periferia en mero hinterland. As reticencias de Lisboa a conectarse por alta velocidade con Madrid indican que ese temor existe. O polo humano que podería conformar Porto-Vigo-Coruña, coa súa extensión ata Lisboa, si sería unha oportunidade para que Galiza poida desenvolverse dun xeito un chisco máis autocentrado (sempre dentro dos estreitos limites que impón a mera dependencia dos capitais globalizados que tentan atraer este tipo de áreas económicas). Unha oportunidade na que a lingua e cultura poderían acabar converxendo de xeito orgánico, menos voluntarista e, sobre todo, máis masivo do que ata o de agora.
Tens reflectido muito sobre a globalização, nomeadamente no teu livro O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega. Que modificarias nas tuas análises recolhidas nesse texto?
O espírito do libro pasaba por ofrecer unha lectura totalizante que servise como guía posible para explicar que sucedeu neste país, dun punto de vista político, económico, sociolóxico e antropolóxico, desde a segunda metade do século XX ata as primeiras dúas décadas do s. XXI, pero, sobre todo, desde a “chegada da democracia” ao Estado español ata a crise financeira global de 2008. Neste sentido, era un libro máis retrospectivo que prospectivo e, como tal, non atopo grandes emendas que facerlle, salvo, por suposto, no feito de que as cousas sempre son moito máis complexas do que unha única persoa poida teorizar. En boa medida, os grandes vectores que se debullaban no libro (crise do movemento obreiro, desagrarización, mudanza antropolóxica, mediatización e espectacularización da experiencia, infantilización do eu, aceleración da vida, autoritarismo tecnócrata, afastamento dos centros de poder etc.) seguen a actuar e a desenvolverse no presente, o que fai que algúns dos problemas dos que se falaba no libro se agudizasen. Para min segue a ser un libro case que autobiográfico. Un traballo que procuraba historizar o período no que eu nacera, crecera e madurara. Unha autoexplicación na que sigo a acreditar, tamén no que o libro tiña de “que facer”, por máis pesimista que puidese resultar.
Talvez o verdadeiro problema
do nosso tempo não seja
a falta de informação, mas a dificuldade
de pensar com ela.
Que incluirias agora como algo relevante não recolhido nele?
Aínda que no libro si fago mención á cuestión de Madrid como problema, penso que hoxe daría máis relevancia a isto. O contexto daquela era o da crise do euro e todo o que veu despois, e interesábame moito analizar o papel da UE a respecto dos Estados do sur de Europa. A cuestión segue a ser relevante, pero hoxe enfocaríao doutro xeito. Deteriame máis no papel de Madrid como punta de lanza do neoliberalismo financiarizado no Estado. O crecemento de Madrid, cos poderes do Estado xogando ao seu favor, é un reto para todas as “periferias”, pero especialmente para as nacións sen Estado. Algo que xa se comprobou co Procès catalán, pois non é senón o relativo eclipse de Barcelona (e por extensión de Cataluña) por Madrid o que está detrás do paso da dereita catalanista ao independentismo. Fronte á crenza estendida no catalanismo, o españolismo xa non é visto en Europa co mesmo prexuízo de antano. A carta do pasado franquista pesa cada vez menos. En paralelo a esa normalización do españolismo na UE, hai no nacionalismo español outra corrente de fondo, máis atlantista e menos europeísta, á que parte da dereita española adhire e que ten en Madrid o gran cuartel xeral. Falo da vella arela imperial de que Madrid sexa a ponte entre Latinoamérica e Europa, de facer de Madrid a Miami europea. Un centro de poder económico con capacidade de contrarrestar o peso da Europa do norte. Tanto no que ten que ver coa súa relación coa UE como no que ten que ver cos plans atlantistas madrileños, as nacións sen Estado do estado español carecen dunha xeopolítica alternativa.
Como te sentes em relação ao(s) marxismo(s) hoje? Como percebes o seu relacionamento com outras perspectivas críticas da realidade?
A impresión é que nunca houbo tanta teoría máis ou menos marxista coma no presente e, ao tempo, nunca esta teoría tivo tan pouca incidencia na política práctica e na vida das masas. O risco que Perry Anderson sinalara, no seu O marxismo occidental, de que o marxismo ficase reducido a unha cuestión de debates requintados entre académicos universitarios, segue presente. Dito o cal, semella claro que, dados os acontecementos históricos aos que estamos asistindo (crise do capitalismo, falta de lexitimidade dos gobernos, movemento das placas tectónicas xeopolíticas, escaseza dos recursos), a tradición de pensamento inaugurado por Marx ten plena vixencia. Falta baixar á terra da política de masas (e isto significa tamén baixar ás especificidades de cada lugar concreto) todo o teorizado polas últimas correntes do marxismo internacional. Canto ao relacionamento con outras perspectivas, está claro que certa idea de marxismo propugnada pola II Internacional primeiro e polo stalinismo despois, un marxismo economicista e mecanicista, é insuficiente para analizar a complexidade do devir das sociedades humanas e do seu relacionamento coa natureza. Pero a propia tradición marxista foi incorporando ao longo do tempo outros enfoques nos que tamén se incluían a cuestión nacional, política, ideolóxica, psicolóxica etc. Neste sentido, o diálogo con outras tradicións é hoxe unha práctica asumida. Un dos camiños fecundos da tradición marxista no presente ten que ver coa reflexión sobre o desenvolvemento do capitalismo no seo metabolismo natural, por unha banda, e, pola outra, co achegamento ao pensamento do Marx vello que se preocupou por estudar outras visións do mundo menos eurocéntricas.
Estamos no meio de uma transformação histórica ou há continuidade de anteriores modelos? Para onde consideras que nos encaminhamos?
No plano xeopolítico semella evidente que hai un movemento de placas tectónicas que ten que ver con certo esgotamento do modelo estadounidense que se substanciou, primeiro, coa obsolescencia dos consensos de posguerra e, no presente, co esgotamento do modelo de capitalismo financiarizado que marcou as décadas neoliberais desde que o dólar se desvinculou do ouro nos anos 70 do século XX. Un tempo no que a potencia hexemónica derivou a súa capacidade de manter o liderado da posesión da moeda de reserva con grandes prerrogativas, o que lle procurou unha sorte de tempo de graza no que puido vivir “a crédito”, pero que tivo como contrapartida, ademais da desindustrialización da potencia hexemónica, o abrollo desa sorte de milagre chinés, mediante o cal un país, que nos anos 50 do século XX era dos máis pobres do mundo, consegue superar o papel subalterno como fábrica barata para converterse nunha potencia industrial e tecnolóxica, unha reserva de recursos e materias primas e un mercado xigante, pero todo iso controlado, en ultima instancia, non polo capital senón polo poder político do Estado. Este cambio global tamén está a afectar a Europa, que aparece, no escenario actual, coma un lugar demasiado pequeno, dividido e sen capacidade de incidir a nivel internacional. Reducíndose a UE (como por outra parte moitos críticos previron desde a súa fundación) a ser un mero apéndice norteamericano e o Reino Unido a tratar de salvar o pelello sendo aínda máis vasalo dos EUA que a propia UE. Hai teóricos como Wallerstein ou Giovanni Arrighi que teorizaron a repetición histórica deste ciclo de nacemento, clímax e decadencia dos imperios da Modernidade. Segundo estes autores os grandes imperios modernos, como o holandés ou o inglés, remataron cunha etapa de financiarización previa ao seu declinio. Non sei se se pode reducir a historia a un esquema, a unha sorte de “anaciclose”, o termo que usaba Polibio na súa proposta circular dos cambios de goberno, pero vendo o que está a suceder desde a crise financeira de 2008 ata os anuncios de aranceis por parte de Trump, a teoría da crise do imperio semella verosímil. En calquera caso, todo este pano de fondo, no que tamén hai que incluír o que está sucedendo noutros lugares do Sur Global, non deixa de ser un reaxuste, por parte dos grandes Estados, a un horizonte de empequenecemento do planeta e dos seus recursos e unha multiplicación dos conflitos derivados de cuestións moi estruturais como poidan ser a crise dos ecosistemas, o esgotamento dos recursos e as dificultades do capitalismo para desenvolverse segundo un esquema de “destrución creativa” e non de “destrución destrutiva”.
Não há volta atrás, então, e vamos para outra situação, mesmo com elementos prévios, mas num paradigma que não se acaba de concretizar ainda? Por um lado, parece que temos reparo em esgotar os modelos prévios, mas também está aí a necessidade de aprender a andar de novo…
Si, é paradoxal que nun tempo no que semella que o futuro está clausurado (velaí todas as ficcións apocalípticas como síntoma dun esgotamento da imaxinación) a situación estea aberta, a un tempo como retorno (por exemplo a volta de Europa a lugar periférico e da China como “terra do medio”) e, tamén, como incerteza, debido a que nos aproximamos a un punto da ocupación e explotación do planeta nunca acadado pola humanidade. Se a historia fose racional, todo apuntaría a que sería necesario acadar novos consensos mundiais para manexar o que de inédito hai na situación actual, pero a racionalidade da historia, ou a astucia da historia como quería Hegel, se existe, só pode aboiar no longo prazo (o que non sei se temos) e a custa de tanta destrución e dor que un xa non ten claro se aínda se pode considerar racional tal desenlace. En calquera caso, nada podemos agardar, desde posicións progresistas, de deuses ex machina que nos vaian sacar as castañas do lume. Así pois, o presente-futuro preséntase, como nunca, a través da vella disxuntiva de “socialismo ou barbarie”, entendido o primeiro como a capacidade do ser humano para guiar os seus destinos dun xeito racional e equitativo cos seus conxéneres e o ecosistema que habita e que lle ofrece as condicións necesarias para desenvolverse como vida digna.
Uma sociedade revela-se menos pelo
que produz do que pelo que decide ignorar.
Nos últimos anos parece que houve uma tendência a que essas formas de intervenção no decorrer do mundo se reduzissem a uma espécie de guerra cultural ou a continuar nas formas tradicionais (dos últimos 150 anos em Ocidente, sobretudo) de luta colectiva na sociedade e em espaços alternativos. Achas que, agora e no futuro imediato, se pode ou deve escolher entre as duas, ou seria bom procurar essas e mesmo outras alternativas desde o ponto de vista da sociedade?
O da guerra cultural non sei se foi máis unha forma de facer da necesidade virtude que outra cousa. Quero dicir, co colapso da URSS a esquerda refúxiase na crítica intelectual-académica, o que lle permite ter certa ascendencia nos departamentos universitarios, ao tempo que perdía todo contacto coas clases populares. En concreto, co movemento obreiro que ía camiño da súa desarticulación. Mais a dereita tamén reaccionou á ofensiva cultural facendo a súa propia guerra cultural. O balance de 50 anos de neoliberalismo é que a dereita leva á praxe a súa economía política de máximos, cada vez con menos oposición, e que tamén conseguiu configurar culturalmente as sociedades occidentais coa súa visión do mundo. O reducto aos espazos alternativos e ás microloitas tamén foi un xeito de facer da necesidade virtude que tivo o seu momento cenital nos anos 90. Mais hoxe iso tamén está bastante esgotado. E como boa mostra disto só fai falta observar como a dereita reconfigurou o significado da palabra Okupación, do seu sentido orixinal de liberación de espazos barriais de autoorganización a sinónimo de anatema contra o propietarismo que conseguiron instalar no imaxinario das clases populares. A derrota é de tal calibre, e estamos tan pouco preparados para facer fronte ao que temos diante, que, se cadra, o que toca é volver comezar, se non partindo de cero, si tirando do pouco que hai. Mais oxalá soubese como.
Mas ainda estamos aqui… Noutras respostas há caminhos indicados ou sugeridos entre tanta névoa do presente. Haveria algum mais que consideras pode ser transitado de cara ao futuro?
No plano persoal, manterse lúcido e coidarse. Illarse das múltiples capas de propaganda e manipulación que nos invaden, fomentar o pensamento crítico e resistir. Resistir á colonización cultural, ao sentido común individualista e cruel que se pretende instalar. Xuntarse con outros e outras e ofrecerse apoio mutuo. A solidariedade, a empatía, o amor é o mellor antídoto fronte á lei da selva, pero é tamén a mellor garantía para manter certa cordura psíquica fronte o desasosego continuo inducido no que florece este capitalismo decadente, sen máis proxecto que a mera autorreprodución destrutiva. No plano político, asociarse, participar e combater a todos aqueles que fomentan o odio, a anomia, a ignorancia e o egoismo.
E, já por último, há algum projecto concreto teu que está por chegar?
Proximamente sairá un libro titulado Trauma España e outros textos, no que recompilo un feixe de artigos que publiquei en diversos medios. O libro terá unhas 200 páxinas e está dividido en tres partes, mais a primeira delas é a máis importante. Dei coherencia a este conxunto de textos facendo algo que, por veces, esquecemos cando nos dedicamos unicamente á autoobservación e crítica de nós mesmos -entendido este nós mesmos, como o movemento emancipador nacional e social galego. Fustrigámonos e esquecemos criticar aquilo que temos en fronte e combatemos: o estado español como ente histórico con diversas estratexias de poder, así como marco no que se instalan as lóxicas históricas do capitalismo coas súas múltiples características. Diso vai este libro que sairá coa editorial ferrolá Lorref.











