6 poemas do livro “para non concretarme” de Tamara Andrés

coñecémonos nun país
onde as luces son redondas
el traducíame en poemas e pronunciaba
llum, mirall, lloc
díxenlle: sedúceme a túa lingua
porque me é próxima e descoñecida a un tempo
díxenlle: gustaríame transvasar
todos os eles da túa lingua á miña
que foi como dicirlle:
hai algo de ti que me gustaría
traducir en min
(…)
se cadra por veces debería saír fóra
das luces redondas saír da poesía
aprender que os corpos son corpos
as linguas linguas
que non podemos facer cos corpos
coas linguas o que se fai
cos textos
*
nacemos coa semente dun río baixo a lingua
vannos ensinando a controlarlle a forza
a medirlle a quilometraxe
a memorizar en listaxe as augas alleas
coma se iso tivese algunha utilidade
algún sentido
hai quen asegura coñecer todas as cavidades
coa boca inflada de ortigas
hai quen fai dos propios beizos muro de contención
sen decatarse do perigo
e logo estamos os desnaturalizados
os do cemento de Babel na boca
os que só a través da palabra nos concretamos
*
e acaso haberá un lugar exacto onde naza o río
haberá un lugar exacto no que poidamos dicir: a partir de aquí este río
a partir de aquí este nome
un lugar no que da linguaxe comecen a brotar os fentos, a auga
terá sentido abater unha árbore
facer da árbore unha táboa
pintar sobre a táboa un nome
chantar a táboa no punto exacto onde a árbore foi cortada
terá sentido
e terá sentido máis adiante sentenciar: non aquí non aquí xa non
aquí xa outro río un afluente
outra táboa
veño procurar os afluentes non de despois senón desde antes
veño bordear as causas primixenias
talvez invisibles
veño interrogar por que nos afixemos ao futuro
mesmo desde dentro da linguaxe
se todo ten causa e deriva
veño escarvar a montaña
arrincar de raíz o río
descubrirvos a súa cara oculta
tan infértil
*
eu, que camiño detrás de min
que me vou marabillando de todo
o que recoñezo adherido
que creo na vida como entrega disparatada e sublime
(non te conteñas, non te conteñas)
eu, que adoro a soedade
porque este mundo non me deixa estar
verdadeiramente soa
eu, que me vou configurando
a través de sombras, palabras, reflexos:
como non vou adorar
a quen me outorgue afecto
*
todo o que se despraza polo mundo
atravésame espectral
suponse que as palabras deberían acudir
á miña boca sen esta vacilación permanente
suponse que debería ser elocuente,
rotunda, locuaz
mais agora que tanto teño que dicir
cáen
me
os
den
tes
to
dos
cáe
me
a
lin
gua
e desúpeto non sei falar
*
cando vos vexo camiñar co peso
da vosa propia sombra a rastras,
penso en detervos un por un
extraer de vós o voso propio cadaleito
pregar cada caixa en anaquiños
dicirvos:
veña,
sopra,
escolle un número,
pide un desexo,
déixate xogar
♦
Tamara Andrés (Combarro, Pontevedra, 1992), formada en tradución e literatura comparada, é poeta, tradutora literaria e investigadora. Dirixe a colección de poesía Dombate da Editorial Galaxia e forma parte do grupo de investigación Biblioteca da Tradución Galega (BITRAGA) da Universidade de Vigo.
Deu ao prelo os poemarios Corpo de Antiochia (Editorial Galaxia, 2017), bosque vermello (Edicións Positivas, 2019), irmá paxaro (Cuarto de Inverno, 2019; ilustracións de María Montes) e para non concretarme (Edicións Positivas, 2024). Xunto a Marcos Viso, publicou o álbum poético Distancias (Editorial Galaxia, 2020).
Entre as súas traducións máis recentes cómpre salientar unha antoloxía poética de Vicent Andrés Estellés (Premio 2024 de Tradución da Universidade de Vigo) ou, xunto a Oriana Méndez, As iluminacións, de Arthur Rimbaud (Editorial Kalandraka, 2024, XXII Premio de Tradución Plácido Castro).