Entrevista I Samuel L. Paris: “A poesia é um mistério universal”
Samuel L. París, nascido em Muros (Galiza) em 1984, é um escritor e poeta com uma trajectória marcada pela experimentação e inovação. Nesta entrevista, mergulhamos no pensamento deste criador singular, explorando como ele subverte a realidade através da poesia e do humor. Samuel discorre sobre a natureza misteriosa da poesia, a busca incessante que ela representa e como isso molda a sua criatividade. Também investiga a relação entre música e poesia, destacando as nuances e interseções nas suas abordagens artísticas. Ao longo da conversa, Samuel partilha as suas experiências e projectos, oferecendo uma visão profunda e única sobre como estas artes se entrelaçam com a sua vida. Esta entrevista-conversa com Ramiro Torres, é uma oportunidade para compreender a complexidade e a beleza do processo criativo de Samuel L. París.
Quem é Samuel L. París?
Samuel L. París non é; como moito, foi ou será. O presente non está habitado por Samuel L. París salvo en contadísimas ocasións: cando escribe o que ten que escribir ou cando recita o que ten que recitar. E non é un alter ego. Só hai iso. O resto, se se mira o presente: un oco.
Como subvertemos esse estado de cousas chamado habitualmente realidade?
Para subverter a realidade tense recorrido principalmente a tres solucións: ao uso e abuso de diferentes substancias, á política institucional e á poesía e o humor. As dúas primeiras fracasan nesa vontade revolucionaria porque, na realidade, son ferramentas do statu quo para a súa perpetuación. Pola contra, poesía e humor son o suficientemente inútiles para a realidade, porque a superan, a cuestionan ou mesmo operan en planos paralelos a esta, e demostradamente útiles como para poder desbaratalo todo.
Esses planos paralelos, podem desvelar-se? Estamos neles e não o sabemos?
A vontade de desvelo ten un efecto directo sobre estes planos: achégaos necesariamente á realidade que percibimos, é dicir, mátaos. Como expreso no poema que abre o meu último poemario O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo, é mellor que nos afinquemos no misterio. A certeza é morte; a incerteza é inmortal.
Para subverter a realidade tense recorrido principalmente a tres solucións: ao uso e abuso de diferentes substancias, á política institucional e á poesía e o humor
Que é para ti a poesia?
A execución do misterio. Unha procura.
Essa procura está direccionada? Como repercute na tua criatividade?
Non está direccionada, máis alá dos límites que definen a miña incapacidade para creala ou aceptala. Como lector e ouvinte, a poesía opera máis no terreo sorpresivo do “atopar” máis que nun activo “encontrar”. Como creador, o seu misterio e amplitude ás veces resultan paralizantes, aínda que, cando notas que tes as dúas mans metidas nas súas sombras e che lembra que todo é posible, só pode repercutir para levarte a territorios que nunca pensaches visitar.
Esses territórios estavam aí e “atopam-se” ou criam-se ao caminhar criativamente?
Eses territorios non estaban. Non existían. A poesía non é; a poesía foi (podemos atoparnos con ela) ou será (necesitará ser creada), aínda que só pode ser observada desde ese baleiro que é o presente. O importante, como persoa que se pon do lado da creación, é saber que a poesía non se atopa e non se crea sen a túa acción. Por iso é imprescindible que as poetas e os poetas non deixen de buscar e compartir a súa obra. Tamén por responsabilidade e para que quen está por chegar poida continuar o misterio.
Esse mistério estende-se também à música? Como foi/é a tua experiência com ela?
No meu caso, a experiencia coa música é totalmente diferente á da poesía; sempre se artellou como un proceso colectivo, ao servizo dun obxectivo común. Tanto na creación dunha canción, como na maquinación dun directo ou na propia interpretación ao vivo, a necesidade de disolución do individuo nalgo maior foi o camiño para chegar a algo diferente do que unha única persoa podería acadar.
O misterio do local de ensaio ou do concerto difire do da escrita ou do recital. Na música navegas, en compañía, cun rol decididamente flutuante. Na poesía estás nadando en soidade, aínda que esteas acompañado de todo o mundo.
O movemento é o meu estado natural
Além disso, que outros vínculos (e diferenças) consideras que existem entre música e poesia?
Entre os diferentes vínculos que as conectan, os que máis me interesan son a ciencia interna do pulso da canción e do poema, o seu valor como pezas rematadas e independentes e o xeito no que se seleccionan de cara á construción dun recital ou dun concerto.
O que se aprende tanto compoñendo cancións como escribindo poemas enriquece ambas as facetas, porque te dota de ferramentas ás que podes acudir á hora de afondar nos seus misterios. Logo, fronte a outras expresións, o feito de que unha canción e un poema se poidan illar é algo moi atractivo tanto como creador como receptor; permite un xogo que outras expresións dependentes da estrutura non facilitan. E, por último, e aquí céntroo na miña experiencia pulindo concertos durante anos, os criterios e enfoques para a construción dun recital poden equipararse ao que pasa na música: saber como abrilo, por onde vas transitar e onde vas pechar, aínda deixando espazo para a improvisación, permite unha experiencia máis plena.
Como se vinculam para ti essas artes com a tua vida?
Todo (o que non é oco) vai fiado cun texto ou cunha canción, porque todo (o que non é oco) é unha procura, un estado de tensión constante na busca de algo.
Que outros meios usas para essa constante busca (além da poesia ou da música…)?
Moitos outros, pero sempre asaltados desde un punto de vista poético, literario ou humorístico. Con todo, penso que é máis unha cuestión de como te aproximes a calquera expresión ou medio que o medio en si.
Interésame moitísimo coñecer como funcionan todas as expresións, os formatos, as artes e os mecanismos creativos, para despois poder levalos ao meu terreo e rir neles, con eles ou deles. Se colleses calquera ámbito no que eu estivese ou estea presente, sexa a poesía, a literatura, a música ou mesmo no eido profesional, e o concretases todo nunha única estancia, é dicir, se materializases todo o que contén nun cuarto pechado, case sempre me ías encontrar ao fondo lanzando bromas que expliquen a falta de sentido do conxunto. Aínda que, por suposto, hai nesa actitude unha clara activación dun sistema defensivo; a loita interna na que estou inmerso agora é a de poder levantarme do fondo, ir ata a parte de diante e permitirme amosar certa vulnerabilidade. Saber que ademais de construír a través da destrución, tamén se pode construír. Construír e punto.
Non temos nin idea de nada, nin que a morte é real nin que o amor é algo inmenso e feble. Todo está illado. Non o vexo nada claro; pero son optimista
Há aí um movimento interno… Para onde te está levando? Que projectos, literários, artísticos etc., tens?
O movemento sempre existiu e foi abrindo camiños a cada paso. Despois da publicación do Manual da destrución e do Inflamable, o movemento levoume a publicar un poemario á semana no meu blog no 2013 (o que foron un total de 52 poemarios completos). Despois de toda esa dixitalada, ese mesmo movemento interno levoume a sacar un poemario, o Tratado de dinámica e chamanismo, escrito integramente a man en cadernos dunhas cen páxinas no 2017, nunha aposta analóxica extrema. Abondou? Non, de aí pasei a publicar a “antoloxía” Internacional de Poesía Anarquista no 2020 ou enviar postais con textos inéditos, baixo demanda, no 2023. Moverse, moverse, moverse. E polo medio de todo iso, saíron recompilacións de spoken-word, camisetas poéticas, colaboracións con medios, poemarios con propostas de interacción a través das redes… O movemento é o meu estado natural.
A que proxectos me está levando agora mesmo o meu movemento interno? Logo de abandonar as redes sociais, estou con varias cousiñas entre as mans: os recitais de presentación do poemario O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo, no cal xa hai algún xiro con respecto á miña poética anterior; cun proxecto de denuncia que hibrida poesía e imaxe, que agardo que poida cristalizar ao longo deste ano; outro proxecto poético máis íntimo que desenvolverei este ano nunha residencia literaria que me foi concedida; e tamén un proxecto de narrativa con textos breves e relatos, no que é a miña primeira incursión decidida no xénero.
Ademais destes, teño uns seis proxectos na recámara agardando que se vaian pechando os actuais para iren saíndo. A maiores, continúo con A Catapulta, o programa sobre poesía que presento e dirixo para a xente de El Salto e O Salto Galiza, no que converso con diferentes persoas vinculadas co mundo da poesía (autoras, editoras, organizadoras de eventos…), e mais cunha newsletter, á que se pode subscribir na miña web, e coa que o paso francamente ben.
Fantástico… Como vês o mundo das diferentes artes hoje? E como vês o mundo em geral?
Non o vexo nada, nada claro. O pragmatismo vaille gañando a partida ao saírse pola tanxente, ao humor e á poesía. A sensación na arte e en xeral é a de que nada importa. Nada importa. Non importa absolutamente nada. Todo está conectado, pero non hai nada no interior. Todo é efecto, unha lixeira sensación. Gústame o prebe, pero necesitamos a materia, a tallada, a fibra vexetal última. Podería parecer que debería haber de todo; pero, ao final, só hai quenllas devorando talento. Todo está centralizado. A idea de horizontalidade, de rede descentralizada, está perdendo a batalla e todo está baixo control. E a centralidade é esterilidade. Non temos nin idea de nada, nin que a morte é real nin que o amor é algo inmenso e feble. Todo está illado. Non o vexo nada claro; pero son optimista.
A poesia é un mistério universal
Para acelerar o fulgor do optimismo, fala-nos algo de como seria um futuro onde pudesses, e pudéssemos, ver mais claro o devir do mundo…
Sería un futuro no que nos permitísemos aburrirnos.
E, para ir acabando a conversa, comenta-nos a tua experiência com os marcos de Portugal, arrincam-se ou ainda há uma demora nesse processo?
Non sei se por insconsciencia ou por conciencia, sempre que teño a sorte de poder levar a miña poesía a Portugal e armar un recital todo é igual que outros recitais no país. Nada que adaptar.
Significa que non había marcos que arrincar? Nin idea. Que os marcos realmente son internos? Insisto: nin idea. A poesía é un misterio universal.