Tráfico de encantos polisílabos
azucre que non sabe nacer
unha fantasma perforada de nubes respira acompasada
e a escuridade podrece
sobre ventos durmidos cada sábado.
17.10.2022
Un azul derramado en cápsulas
adxectivos copulando
e o embigo aparece fráxil
fermentado
entre inercias masculinas de última hora.
18.10.2022
Unha man que suxeita a ferida
vértebras na roupa interior
apenas quedan testemuñas do meu dioivo
mentres o mar fagocita sereas inmensas
e a menopausa de metal espera
un aplauso.
19.10.2022
Forma que avanza cara a curiosidade malsá
imposíbel imaxinar orgasmos
unha metafísica do exterior
ou un corpo xerando opcións
co sabor a vinagre do eterno.
20.10.2022
O nadador vertebra as cadencias
dos mares insurrectos
e o seu soño descansa na man esquerda
por veces indecisa
mentres un lumbrigante altivo e decadente
ilusiónase coa auga destilada.
21.10.2022
Xosé Luís Martínez Pereiro (A Coruña, 1959 ). Ten publicado oito libros de narrativa ao longo da súa vida literaria:Amálgama de desquiciados, Baía Ed, 1992; Breviario de calamidades, Ed. Espiral Maior, 1999; Medición definitiva do Limbo, Ed. Espiral Maior, 2000 (Premio de Narrativa Café Dublín, A Coruña); As irmás bastardas da ciencia, Ed., Laiovento, 2000 (Premio de Narrativa Carvalho Calero Concello de Ferrol); A embaixada do vinagre, Ed. Sotelo Blanco, 2002 (Premio Risco de Literatura Fantástica, Liceo de Ourense); A muller mariña, ilustrado por Ana Pillado, A NOSA TERRA, 2003; Novas tendencias da vida mansa, Cadernos de Narrativa Laiovento, 2007 e A verdade como mal menor, Editorial Galaxia, 2008 (III Premio de narrativa REPSOL-YPF). Como dramaturgo ten conseguido o Premio de Teatro Breve da Escola Dramática Galega e publicado, entre outras pezas: Tres crimes en busca dunhas labazadas (Cadernos da EDG), Traxicomedia do Pai Ternoster e unha pastora lusitana chamada Viriata (Premio de teatro breve da EDG), Panexírico da lapa (peciña publicada na Revista Casahamlet), Ovidio en compota (peciña na Revista Casahamlet), Guiso de choupa (Cadernos do IGAEM), Carne de estatua (Baía Ed.) e Aproximación á muller nociva BVG da Universidade da Coruña. No apartado poético é de salientar o I Premio de poesía Manuel Murguía da Universidade da Coruña; Premio de poesía Has de Cantar, da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Bizkaia; Premio de poesía Domingo Antonio de Andrade concedido pola Agrupación Cultural do mesmo nome en Cee. Premio de poesía Antonio Prados Ledesma do Concello de Viveiro, polo libro Os deuses suicidas (2007). A súa faceta como humorista gráfico parte desde Galiza, concretamente Fene e gaña algún que outro premio do panorama internacional. Os seus traballos en forma de colaxe viven en museos de Romanía, Italia, Brasil, Colombia, Corea, China, Turquía, Irán, Rusia, Suecia… e apareceron en revistas como ARTEfacto (Perú), Al-Pharaenah Magazin (Exipto), Nosorog (Bosnia), Osisane Jez (Serbia), Caduca hoy (Euskadi), Merhaba gazetesi (Turquía) e Don Quichotte Magazin (Alemaña) entre outras. Os seus cadriños con texto visitan con periodicidade Portugal e Brasil. Desde o 2004 e até a actualidade, colabora nas iniciativas da KATUNI (Asociación de Humoristas Gráficos do Leste de África) con sede en Nairobi, Kenya.