Entrevista I Baia Fernández de la Torre: “A curiosidade aproxima, o juízo separa. E eu procuro a unidade”
© Marcello Santos
Nesta conversa, a escritora Baia Fernández de la Torre aparece como alguém que trabalha a linguagem a partir de um ponto anterior às palavras, esse lugar onde o silêncio não é ausência, mas matéria viva, uma espécie de oficina interior onde se afina a percepção. A escrita, para ela, não é apenas uma técnica, é um modo de presença, um dispositivo para perceber o que chega quando não se força a chegada.
Ao longo desta entrevista, cruzam-se várias linhas que se tocam sem se confundirem: poesia e quotidiano, corpo e pensamento, aprendizagem e comunidade. Baia fala do processo criativo como quem descreve uma corrente, por vezes lenta, por vezes torrencial, e insiste numa ideia simples, mas exigente: a de que o trabalho sobre si não tem de culminar em isolamento, pode ser, ao contrário, uma forma de regressar ao comum com mais clareza. Entre a curiosidade e o juízo, entre o dentro e o fora, desenha-se aqui uma ética do movimento, uma arte de não perder o centro.
O que segue não pretende oferecer receitas, mas abrir um campo de atenção. Uma conversa progressiva, no sentido mais literal: avança por perguntas que não fecham, depura por camadas, e deixa no leitor um resto fértil, aquela vontade de escutar melhor o que, em nós, ainda não sabe dizer-se.
Quem é Baia Fernández de la Torre?
Baia é alguén que busca expresar, de cantas formas atopa, a voz da súa esencia. Un ser en constante transformación que goza das profundidades do silencio, e as voces que nel habitan, tanto como da vida en comunidade onde o individuo evoluciona grazas á suma de saberes compartidos.
Um silêncio que pode acolher todos os mundos… Que formas são mais próximas para ti?
Procuro traer esa a voz a todas as facetas da miña vida, que estea presente ata no máis pequeno e cotián, aínda que debo aceptar que a forma na que brota, espontánea, incontida e que flúe de xeito máis natural é, sen dúbida ningunha, na escrita, especialmente na poesía. Aínda así, hai outra forma da que gozo especialmente e que non é só unha forma de expresar, senón que é a responsable da miña conexión cada vez máis destilada. Esa é o xogo e o movemento libre, así como a terapia corporal evolutiva, formas que practico para ir a min, sandar e transmutar a dor en aprendizaxe activando á súa vez todo o meu potencial creativo e de desfrute.
Como é esse processo de escrita no teu caso?
Na maior parte das veces é un proceso automático no que vou descubrindo o que nace de min cando o vexo escrito no papel. Neses casos, a inspiración manda avisos, sei que algo me vai vir pero non sei nin o que, nin cando, polo que permanezo atenta á súa chegada. Outras veces vén de súpeto e sen previo aviso, chega coa forza e a velocidade dun río, polo que teño que ser rápida, coller o que teña á man para tentar anotar todo o que pasa pola miña mente, o que non anote, perderase no alén. Toda esta corrente incontida de pensamentos é provocada, en ocasións, por unha música, cando iso acontece teño que escoitar ese tema en bucle ata que remata a “baixada de información”, de non ser así, rematada a canción córtase a inspiración; outra veces é unha imaxe a que acende a chama; unha sensación ou un pensamento polo que me deixo ir á deriva ata chegar ao porto da comprensión. Como podes ver, o proceso creativo, no meu caso, é como case todo en min, variado…!
E opera igualmente na poesia como noutros processos de escrita?
Cando escribín o conto de Laia, por exemplo, fíxeno nese estado de transición entre a vixilia e o sono. Sen estar durmida de todo as imaxes foron aparecendo coma se dunha película se tratase. Abría os ollos, anotaba e volvía pechalos, ao pasar un anaco, as imaxes volvían. Así estiven un tempo ata rematar a estrutura do conto. Ao día seguinte avisei de que non ía ir traballar ata novo aviso (cousas que pode facer a que é a súa propia xefa hahaha…) o negocio quedaba ben atendido polo meu empregado, así que me dediquei a ir desenvolvendo a historia completa. Cando foi de Caracol, cara de col, a idea veu mentres recolliamos o millo o meu marido e máis eu, unha fresca mañá. En canto cheguei á casa anotei o esquema principal, mais, nese caso, ao ser o protagonista un caracol, a historia completa veu ao seu ritmo hahaha… por iso tardei varios anos en recuperar o esquema e desenvolver a historia. Agora mesmo teño unha peza empezada, cando mo pide o corpo, cólloa, leo o que teño escrito e agardo a ver se vén algo máis, se é así, anótoo e onde pare, parei. Non busco chegar a ningures, é moi divertido para min porque eu non sei o que vou escribir, como che dixen antes, descúbroo cando o vexo no papel, polo tanto, aínda que eu sexa a man redactora non perdo o factor sorpresa. Cando preciso escribir por encarga ou porque quero falar de algo concreto, o que sempre me axuda é ter claro o tema, poñer unha música e deixarme levar. Entenderás que me resulte unha aventura ben amena.
Si que é: uma dança interna e externa a um tempo, ao que parece… Falavas antes da terapia corporal evolutiva. Que é que significa para ti? Semelha parte do mesmo processo que comentavas da escrita… É assim?
Teñen cousas en común e experimentar a Tce (terapia corporal evolutiva) axúdame a conectarme cada vez con máis facilidade coas mensaxes internas, ademais de a outras moitas cousas que, inevitablemente, se ven reflectidas na miña escrita. A Tce é unha terapia con enfoque transpersoal, creada por Enrique Aguilar Ferraz, na que o corpo se pon no centro. É unha experiencia totalmente vivencial na que non pensamos, senón que lle poñemos corpo á sombra para transformala e logo poñémoslle corpo á luz para activala, finalmente, aí si, poñemos palabra para destilar a sabedoría que nace da experiencia. A finalidade da Tce é que as persoas deixemos de identificarnos coas crenzas limitantes e nos conectemos co noso potencial innato e a nosa verdadeira identidade. Cando unha persoa está desconectada do seu propósito de vida, sofre. A Tce vén servirnos de ferramenta para activar o noso propósito vital, para vivir en coherencia co sentir da nosa alma, conéctanos co amor, coa creatividade, co talento… Tódalas persoas somos creativas, temos talentos e capacidade de amar, só que ás veces nos desconectamos destas cualidades, e para min, volver conectarme con esa parte máis esencial supuxo un dos cambios de vida máis importantes, e non só me afectou a min, senón tamén ao meu entorno máis achegado, aínda que a outros niveis, claro! A vida é moito mellor agora.
Uma mudança interna que impacta em quem te/nos rodeia. Habitualmente tem-se dito que há que priorizar uma dessas vias (interna/pessoal ou externa/social), mas pode haver uma terceira posição que integre em maior ou menor medida essas duas. Como é a tua experiência e opinião, neste sentido?
Pois que unha non funciona de todo ben sen a outra. Para min son inseparables. Se me centro no social, no externo, e poño a ollada fóra, arríscome a perderme, a desconectarme de min. Se só vou dentro e a ollada se centra só en min, arríscome a caer no egocentrismo, no illamento. Sinto que o ser humano debe aprender (así o vivo eu) a transitar por esas dúas posicións. Ir dentro e poñer a atención nunha mesma sen desconectarse do que acontece ao seu redor, activar aquilo que deba ser activado e, se o fai dende un lugar de honestidade e conexión, nacerá, inevitablemente, a necesidade de compartilo. Poder ir ao outro sen diluírse, sen perder a conexión consigo mesma e completar o círculo. Ser quen de combinar estes dous movementos: dentro e fóra sen perder o centro é unha arte, a arte de vivir.
Entre a curiosidade e o juízo, entre o dentro e o fora,
desenha-se aqui uma ética do movimento
Quiçá existiu aí uma diferença (e uma impaciência) excessiva para não ver, por esta parte do mundo, esses movimentos como vasos comunicantes?
Non che sabería responder a esta pregunta. Só sei que eu non vexo, ata o de agora, outra forma de achegarme ao equilibrio. Si observo que moito do que me rodea, se me deixo levar, me desconecta do meu centro, polo tanto do que son en esencia e do que vin facer a esta vida, por iso a necesidade de centramento, de desapegarme do rumbo que “supostamente” marca a sociedade (digo
supostamente porque a sociedade somos todas, non só aquelas persoas con intención de marcar certo rumbo concreto por intereses máis económicos e de poder que de evolución da humanidade). Se cadra son unha antisistema, non sei, mais creo profundamente que cada unha das persoas temos un potencial que, se o activamos e integramos en nós, fai que a nosa vida mellore e, se ademais o compartimos, entón mellorará de forma exponencial, e aí é o único lugar onde eu, polo momento, podo intuír unha evolución tanto do individuo como da sociedade.
Consideras, então, a vida (e as artes, que se integram dela) como um lugar aberto em que transitamos e ela nos transita?
Uf, non sei se a miña mente racional comprende totalmente o que vou dicir. Creo que a vida é!, mais sinto que tamén a creamos a cada momento. Seguro que a física cuántica lle dá unha explicación a isto que sinto, pois a razón pregúntase: Como podo crear algo que se me dá? Se se me dá é que xa existe, non?, xa está creado. E, aínda con estas preguntas, o meu ser ten unha comprensión profunda de que a vida vén dada e, ademais, créoa a cada paso. Non cho podo explicar doutra forma, por agora.
Talvez não tudo se chegue a explicar completamente. A este respeito, qual é a tua perspectiva sobre a ciência? É ‘A’ forma de conhecimento válida a todos os efeitos, ou a vida tem mais afluentes em que se manifesta?
Eu vexo a ciencia como esa ferramenta que nos axuda a comprender, dende a razón, os códigos da existencia (da natureza, da vida, do universo…) e isto permítenos avanzar en moitos aspectos (nalgúns teño as miñas dúbidas de que sexa un avance), facer novas fórmulas e ir sofisticando o xogo da vida. A ciencia ábrenos un mundo incrible e permítenos acceder a solucións concretas e palpables en moitas situacións, estou moi agradecida á ciencia, coido que é fascinante. Dito isto, creo que pode ser moito máis fascinante todo o que hai por descubrir, e digo descubrir, non crear, pois observo que, moitas veces pensamos que creamos algo e o único que facemos, segundo a miña humilde e ignorante opinión, é inventar a raíz do que imos descubrindo, que xa estaba aí pero non tiñamos acceso a el por non estar descodificada esa comprensión dende a nosa mente racional e limitada. Agora ben, sinto que hai moito máis coñecemento que para min xa é válido, aínda que a ciencia non descubrise, polo momento, a razón da súa validez.
Existe, então, uma visão mais ampla da experiência vital que engloba saberes diversos e permitiria dar espaço a diálogos nunca definitivos?
A vida está en continua transformación, estamos en evolución constante, polo tanto non creo que haxa espazo para o definitivo, no que a saberes e diálogos se refire. Aínda que sería bo lembrar que estás conversando con unha, como moito, humilde e sinxela poeta, polo que a miña forma de ver a vida é soamente iso, a miña forma.
Poeta e adestradora emocional… Fala-nos de que representa para ti este aspecto da tua criatividade, do teu trabalho.
A creatividade está presente en cada aspecto da miña vida. De feito unha das peores crises que recordo tivo que ver coa perda da creatividade, non sei vivir sen ela. Polo tanto, o adestramento emocional non ía ser unha excepción. Aínda que a teoría da enxeñaría emocional sexa clara e, para min, as emocións sexan matemática pura, como aplicar esa teoría e achegala a cada persoa coas súas particularidades, precisa de unha boa dose de creatividade. Como facer chegar a información nunha exposición, captar a atención do público e provocar a reflexión, precisa de creatividade. Como crear dinámicas para integrar o correcto funcionamento das emocións, precisa de moita creatividade. E así podería seguir ata o alén. … Ata para responder a esta singular entrevista preciso da creatividade!
Sempre! E em que consiste o adestramento emocional?
O Adestramento Emocional é unha ferramenta que creei a partir dunha teoría que provén do MAT (metamodelo de análise transformacional) e que me abriu ao apaixonante mundo das emocións, a Enxeñaría emocional. De aquí provén a base teórica, mais cada persoa asimila a información de xeito diferente e precisa dun acompañamento personalizado para que o proceso se leve a cabo do xeito máis efectivo posible. Aquí é onde entra en xogo a creatividade para elaborar as estratexias, segundo cada persoa e cada tipoloxía de personalidade. A finalidade do Adestramento Emocional é que cada persoa aprenda a identificar as súas emocións e, sobre todo, as súas disfuncións emocionais, para poder comprender por que lle pasa o que lle pasa e como facer que lle pasen cousas diferentes. O obxectivo non é, como algunhas persoas cren, deixar de sentir cousas desagradables ou disfuncionais, senón ser capaz de interpretar que me está dicindo cada disfunción e aprender a transitala para que se converta noutra cousa e lle permita avanzar e evolucionar. O certo é que, a medida que se avanza no adestramento, unha aprende a xestionar mellor as situacións do seu día a día e, inevitabelmente, acaba por ter moitos menos problemas, ben porque os resolve antes de que xeren desgusto ou porque xestiona tan ben que nin cheguen a aparecer. O certo é que estou moi orgullosa dos resultados deste programa, dáme moitas alegrías.
Estás mergulhada em diversas maneiras de libertar energia para a vida. Tens comprovado que nos falta mais contacto com ela? Estamos num ponto bastante cego neste aspecto como sociedade?
Creo que estamos moi distraídos de vivir. Temos “tantas cousas ás que atender…!” cousas que non nos achegan nada e nos separan da vida e do seu sentido. Pero tamén vexo, cada vez máis, aínda que medre timidamente, un maior número de persoas atendendo este anhelo de conectarse con quen son, de apagar o ruído externo, de “desconectar para conectar”. Como digo nun poema do meu libro O faiado das papoulas: “A vida xa está aquí, non son quen de facela agardar…” E así mesmo é! Para min esa é a verdadeira chamada, a que me di que isto é efémero, que vin para algo, que non me distraia, e non foi para pagar ningún pecado, senón para activar e compartir co mundo o grande que hai en min (cadaquén ten dentro de si algo que está chamado a ser grande: talento, potencial, don…). Ao seguir esta chamada e comezar a vibrar nesa enerxía, decateime de que é contaxiosa, de que cada vez máis persoas ao meu redor acenden dentro delas unha lusiña que lles vai alumeando o camiño cara á súa esencia e, en consecuencia cara vivir.
Parece-me bem interessante esse (re?)aprender a conectar(-se), mas tendo conta de não cair numa espécie de indústria do bem-estar para render com que a parte externa do mundo intenta manter a sua dominação. Aqui quiçá há um ponto novo para explorar, uma fenda na Matrix para respirar (n)a vida, comum e individualmente?
Coido que si! Sinto que o natural ha de ser estar en modo “exploradora”. Temos tanto por descobrir dentro de cada unha de nós que sería unha lástima conformarnos só co que coñecemos, privándonos da oportunidade de medrar. Neste aspecto, a curiosidade é a nosa aliada. Grazas a ela descubrimos o mundo, por que non usala para descubrirnos nós e entre nós. A curiosidade achega, o xuízo separa. E eu busco unidade. Coñecerme para mostrarme dende a miña verdade pode achegarme a quen resoe con ela, a quen vibre dun xeito harmonioso comigo e xuntas crear algo máis grande. Así pasamos do individual que nutre o colectivo ao colectivo que nutre o individual. É un beneficio de ida e volta onde gañamos todas.
Há muito que fazer nestes tempos, mas uma certa parálise (ou mesmo algo parecido a uma rendição) é experimentada por bastante gente perante a magnitude negativa do que nos chega por vários sítios. Mas a energia está aqui e agora?
A enerxía sempre está, de nós depende acceder a ela. É certo que son tempos de polaridades, hai moitas persoas no bloqueo, freadas polas resistencias, mais tamén hai moitas espertando á idea de que outra forma é posible. E aí, nese camiño, andamos. Eu, como xa imaxinas con todo o que levo dito ata o momento, súmome ao segundo grupo.
Que há de ti e dessa energia na tua obra escrita?
Todo! A miña obra é totalmente transparente e nela, claramente, véseme a min. E a moitas outras persoas, pois, aínda que sexamos seres únicos, non somos tan diferentes como pensamos. Sobre todo no último libro: O faiado das papoulas, vese claro unha radiografía das miñas entrañas e de como foi parte do proceso que me permitiu sandar feridas agochadas da miña liñaxe, como memorias que ninguén lembraba pero, aínda así e sobre todo por iso, marcaban o meu presente.
As artes como cuidado de si (e do nós), e o cuidado de si (e do nós) como uma arte. Trabalhas os textos no seu tecido com a ilustração, convertendo cada livro em experiência única? Como é a tua perspectiva na edição?
O meu traballo está máis presente no inicio e no final do proxecto. Eu escribo o texto e dedico a esta parte todo o tempo que sinta necesario. Logo pasa a mans do deseñador, Martinho Picallo, onde continuamos coa revisión lingüistica. Máis ou menos á vez recíbeo a ilustradora, que, normalmente, ten liberdade á hora de crear, soamente indicamos o número de ilustracións aproximadas, mais o tipo de ilustración depende da artista. O deseñador achega a súa visión, tamén con toda liberdade, e eu tento intervir o menos posible, pero hai ocasións, como esta última, na que si marquei unhas condicións que necesitaba. Teño a sorte de ter un gran deseñador comigo que ten as mellores ideas, que é detallista e un grande artista, así que é un verdadeiro luxo traballar con el. Por último, entre Martinho máis eu, e aconsellados pola imprenta, escollemos o soporte, tipo de papel, gramaxe, tinta… Cada vez estou máis implicada no proceso creativo, pois, como ben dis na pregunta, pretendo que cada libro sexa único mais que tamén o sexa a experiencia da lectura. O tacto do papel, a gramaxe, a caída das follas, o tipo de impresión ou a encadernación inflúen moito en como se recibe o libro e como se vai relacionar a persoa lectora con el. Todo o proceso ao completo é unha arte e eu, cada día, gozo máis del. Logo veñen as presentacións e mostrarlle á xente, non só a historia, senón todo o traballo e detalle que hai detrás, é algo que nos dá moita satisfacción. Por suposto, a encargada de vendelo tamén son eu hahahah… aínda que non estaría mal delegar nesta parte, recoñezo que, noutro nivel, tamén me presta.
Transmites a necessidade de converter cada parte da vida num espaço de encontro, contigo e com as/os demais… Nos múltiplos rios em que se difunde a tua criatividade, há lugar para reflectir sobre a igualdade e o tratamento das emoções, também no ensino. Como é a tua experiência aqui?
Pois o certo é que adoro visitar centros de ensino. Coido que representan un piar importantísimo para a sociedade e debemos coidalos e dotalos de recursos. Dito isto, a miña experiencia é moi gratificante tanto coas alumnas, co persoal docente, como coas familias; tanto se vou dar unha charla como se vou facer un obradoiro; tanto se vou traballar a través do movemento, do xogo, ou imos falar de emocións; tanto se vou contar un conto como se vou facer un recital de poesía. iso si, sempre promovendo o benestar, o respecto e a igualdade. Teño unha ampla oferta de actividades que se poden realizar dentro das comunidades educativas e a resposta que recibo é sempre moi boa. Se cadra, onde a sensación se volve un tanto agridoce poida ser traballando coas docentes, pois a miúdo atópanse en situacións moi complexas onde o sistema ou a burocracia lles impide facer o seu traballo como deberían e moitas outras é a falta de información e formación sobre temas, segundo o meu parecer, vitais para o desenvolvemento do seu labor como pode ser unha boa comprensión emocional, o que se converte nun pau na roda para avanzar. A miña misión é darlles información que lles sirva pero chego ata onde chego. As profesionais da educación vense, moitas veces superadas pola cantidade de casos, entre o alumnado e entre elas mesmas, de problemas de saúde mental ou de unha deficiente xestión emocional. Gustaríame que alguén lle metese man a isto, pois descoidando a xuventude e as profesionais que a forman, a nosa sociedade diríxese ao fracaso. Creo que hai moitísimo potencial, tanto nas docentes coma na xuventude, sinto que debemos coidar ambas.
Para ir acabando (por agora) esta conversa, temos muito pendente como sociedade, mas a energia para (re)mudar o que seja preciso está sempre aqui, individual e colectivamente?
Eu penso que si. Hai que activala, distribuíla e permitir que nos poña en marcha. A enerxía non vai a ningures, está sempre, de nós depende activala e poñela a disposición. Ben é certo que iso, ás veces, resulta difícil de facer soa mais podemos pedir axuda, cooperación e apoio. Coido que así se fan as grandes cousas, en rede. E a mesma rede que creamos é a que logo nos sostén e nos impulsa. Que hai mellor para o individuo que sentirse sostido e capaz? Viraron as tornas, agora son eu quen remata cunha pregunta, hahahhaa… aí che queda!
Si, é uma pergunta com uma afirmação implícita com a que concordo. Indivíduo e sociedade, macrocosmos e microcosmos, são, para mim, partes de uma mesma realidade, e em função de como se trate a si e como integre o fluxo da vida, o seu/nosso estado geral tem uma, digamos, onda vibratória mais ou menos potente que pode permitir avançar, mesmo disruptivamente, através do existente. Obrigado por esta conversa, Baia!














