“Caer no aire é a túa sedución” I 10 poemas de Nieves Neira Roca
Catar o aire (diarios)
Corpo
non obedezas a
voz.
É posible?
Abre a mañá
coma un desexo.
Non obedezas a voz.
Obedece
o paxaro.
*
A Ave Magnífica
desprega as ás.
Non posúe a danza
o movemento dos astros
as letras do alfabeto.
Por iso eu vou
correndo
cara a ela.
*
Cae o espazo na parede na nogueira,
existo para bebelo.
Se che dou a atención, darasme a bondade?
Estranxeira do día,
do máis abandonado volve o corpo.
Ven,
é a súa lingua, ven
o único que di,
ven.
*
Timbre de voz
mañá!
Ven comigo e sálvame
aire da mañá
amante xeneroso.
*
A montaña detén o pensamento.
Reteno de rebordarse.
Bendita sexa a indiferencia
a opaca indiferencia
a transparencia.
Iso significa:
“No interior permanece sereno coma unha montaña”
Significa:
“Pon os ollos onde non existes”
Os ollos están fóra do corpo.
*
Non existes onde nacen os ríos e a auga
medra coma fume saído da boca da pedra
onde só entran os defuntos onde nace
o tempo da lúa no óso do paxaro
e a montaña rompe o vidro dos ollos
incardinada.
Ponte alí.
Ollos dispostos a morrer,
obedece.
Ten costas para tensar o arco
da dona flexible do ceo.
A montaña é o único
que queda de ti.
*
Caer no aire é a túa sedución.
Toda a noite correndo para que ti caias
no ouvido.
Mazá.
Para que te rocen as follas e caias.
Querida mazá.
Froitos que ninguén recollerá.
*
O amante que sempre espera aí
estende unha saba branca cada día.
Así mo dixo ela: non saias, que cortas a nebra.
Como a nebra non se pode tocar.
Lémbrase de ti só cando xuntas as mans para beber.
*
O pichón que levou o corazón de Abu-L-Hasan Ibn Hisn
pousou aquí
Que facía?¹
Escurecía
e as árbores acendíanse por dentro.
A túa luz chegaba
á paraza branca dos bidueiros.
Ríos de mans lentamente abríndose.
Todo o lonxe que fun quen de imaxinar, recollíao.
Os mofos tamén brillaban coma se o frío
fose unha flor inversa, interna.
Que facía?
Recollía un corazón
Coma o cabo/
dun cálamo de prata mollado en tinta.2
Pasaba as páxinas coma as dun órgano,
unha pel, o máis querido,
ave nas xemas deitadas, sobre ti
vinda de escoitar o teu pranto
recollía un corazón
dez séculos atravesado.
*
1 Este poema pertence ao libro Neve de agosto (Chan da Pólvora, 2022; Officium Lectionis, 2023)
2 Abu-L-Hasan Ibn Hisn
Para José Rui Teixeira, con amizade e gratitude, na lembranza dos días en Barcelos
Com que lâmpada exploraríamos o coração do sol?
Eduardo Lourenço
1.
O domingo de mañá o tempo acalma. As mans do ceo xa abriron todas as pétalas do aire
e ficamos, nus. Non hai nada que facer. Só regresar.
Tan visible é o corpo longo do río.
O corazón do sol é o reverso da luz.
O corazón do sol é a pura ignorancia de nós.
Do corazón do sol ao corazón de nós non hai distancia.
O corazón de nós é a pura ignorancia de nós.
2.
O home que fai nevar en agosto reúnenos á súa volta
e conta todas as historias que son a mesma historia.
Que restaría se renunciásemos ao que foi erixido para nos salvar?
Un pobre sostén unha lámpada para iluminar o corazón do sol.
De pura ausencia de ser enche o cubo de auga para volvelo ao río.
Auga á auga
sol ao sol
o exceso que che fai ser
auga á auga
sol ao sol
dá a volta no río.
3.
Nota como en todo isto hai sempre unha muller.
Equilibra máis olas na cabeza das que contan os dedos das mans.
Vai descalza gañar o pan de cada día.
Sabe da dor que cega os cuartos de quen amamos.
Esgota toda petición de axuda.
Noutro século, alguén atende
ao pobre, á viúva, ao enfermo, ao estranxeiro.
Iso fai. Atender. E vai. Pobre de ser.
Outra muller adiántase á que agarda
e só consegue tocar o seu manto.
E tócao.
Toca o corazón do sol.
Se pobres podemos darnos,
cegos podemos recoñecernos.
E se o imposible, o que fai nevar en agosto,
fose máis ca un salto de ser
un salto de nada?
E se a lámpada coa que tocar o corazón do sol
fose outro corazón,
nunca noso?
**
Nieves Neira Roca naceu en Lugo no ano 1983 e nesta cidade traballa como xornalista, ámbito polo que levou o premio Johán Carballeira. Publicou o poemario Neve de agosto (Chan da Pólvora, 2022; Officium Lectionis, 2013), que centra o cuarto número da revista Urania, editada por Chus Pato para Euseino? Editores. É coautora do libro O feitizo de Maruja Roca (aCentral Folque, 2020), que levou ao escenario da man de Cristina Domínguez con música de Pablo Sanmamed. Colaboradora estreita da Fundación Uxío Novoneyra, sobre este poeta está realizando unha tese de doutoramento no ámbito da teoría literaria. Tamén participa do Espaço Llansol, en Lisboa, autora da que coeditou a obra Fulgor. Lectura danzada de Maria Gabriela Llansol (Ámboa, 2019), que tivo no Festival dos Eidos, no 2023, a súa última presentación escénica coas compañeiras da asociación 3monos.
Crédito da fotografia da autora: Adra Pallón